O ECOSISTEMA
Os areais ou praias son ECOSISTEMAS que están formados por un BIOTOPO (rochas, area, auga, temperatura, salinidade,etc. ) e pola BIOCENOSE (vexetais e animais).
Algúns destes seres vivos viven lonxe da auga, outros non poden vivir fóra dela; uns viven na area e outros nas pozas, nas rochas ou no mar; algúns agrúpanse e viven en colonias (agrupacións de moitos individuos) e outros non.
Algúns como o ourizo, a lapa, o caramuxo, que se alimentan de algas son herbívoros. A actinia ou estruga de mar e a estrelamar comen outros animais, son carnívoros. Pero todos eles están relacionados entre si e ao mesmo tempo están relacionados coa auga, coa area, coas mareas e con todas as características deste lugar no que viven.
Nos areais ou praias pódense distinguir tre zonas :
a) ZONA SUPRALITORAL OU SUPRAMAREAL:
É a zona situada no límite da preamar (marea alta). As areas son movidas constantemente pola acción do vento e reteñen pouca auga por estaren soltos. As plantas que viven nesta zona precisan raíces longas para suxeitarse e captar a auga, talos curtos, moi flexibles, rastreiros ou subterráneos, para resistir o vento e os golpes de area e follas reducidas ou finas, cubertas de pelo, coirentas para evitar a perda de auga ou carnosas para almacenala e de cores claras para resistir o exceso de luz.
Nesta zona, os animais viven nos refuxios que lles proporcionan as plantas e os restos depositados polo mar.
b) ZONA INTERMAREAL OU INTERMAREAL:
É a zona comprendida entre a preamar e a baixamar. Presenta moitas variacións segundo o tipo de substrato (area, limo, gravas ou cascallo) e segundo tamén a forza das ondas.
A mobilidade do substrato impide a fixación das algas, aínda que permite a fixación das fanerógamas mariñas (plantas con flores) gracias ás súas longas raíces.
Estas variacións obrigan aos animais a adaptárense presentando formas comprimidas ou deprimidas, a realizaren migracións ao ritmo das mareas, a enterrárense na area ou a protexérense en pequenos refuxios entre as plantas.
A vida neste tipo de substratos é máis rica nas zonas protexidas do interior das rías e enseadas.
Debido á abundancia de alimento, esta zona é a máis visitada polas aves, sobre todo aves limícolas.
c) ZONA INFRALITORAL OU INFRAMAREAL:
É a zona que sempre está mergullada. Ten pouca abundancia de algas . Nas zonas protexidas hai pradeiras de fanerógamas mariñas, como a seba (zostera) que abunda nos esteiros e enseadas, é unha planta con flores que vive baixo a auga. Está habitada por animais que se enterran ou que viven pousados nos fondos.
É a zona que sempre está mergullada. Ten pouca abundancia de algas . Nas zonas protexidas hai pradeiras de fanerógamas mariñas, como a seba (zostera) que abunda nos esteiros e enseadas, é unha planta con flores que vive baixo a auga. Está habitada por animais que se enterran ou que viven pousados nos fondos.
Pódense observar algúns organismos desta zona que viven nas pozas ou fendas das rochas nas que sempre hai auga.
VEXETAIS DA ZONA SUPRAMAREAL
1. AS PLANTAS DAS DUNAS
CONDICIÓNS RIGOROSAS DAS ZONAS DE DUNAS:
A) Textura excesivamente areosa do solo.
B) Alta sequidade.
C) Forte acción dos ventos.
D) Alta evapotranspiración pola excesiva exposición ao sol.
E) Elevada concentración salina.
ADAPTACIÓNS DAS PLANTAS DESTA ZONA A ESTAS DURAS CONDICIÓNS :
1. CORES CLARAS: branca grisácea (CARRASCA DE SAN XOÁN, Othantus maritimus), glaucas (verde-azuladas) como a MELGA MARIÑA (Medicago marina)
2. ENGROSAMENTO DA CUTÍCULA.
3. LONGAS RAÍCES para alcanzar a capa freática (auga)
4. REDUCCIÓN DA SUPERFICIE FOLIAR E REDUCCIÓN DE ESTOMAS (por onde transpiran)
5.APARICIÓN DE COR BRANCA PARA REDUCIR A PERDA DE AUGA POR EVAPOTRANSPIRACIÓN.
6. TECIDOS ESPECIAIS PARA A ACUMULACIÓN DE AUGA E PROTECCIÓN CONTRA OS FORTES VENTOS.
7. FOLLAS CORIÁCEAS OU ESPIÑENTAS (CARDO MARIÑO, Eryngium maritimum)
8.FORMAS ALMOFADADAS para protexerse dos fortes ventos ( HERBA DE NAMORAR, Armeria maritima)
PR.1 A cebola das gaivotas, ten raíces moi profundas. Por que cres que son así? Relacionado con isto, que observas nas súas follas?
PR.2 Como son as follas do feo da praia? Por que?
CEBOLA DAS GAIVOTAS ( Pancratium maritimum) |
PR.2 Como son as follas do feo da praia? Por que?
PR.3 Toca a folla dun cardo de ribeira para ver que consistencia ten. A este tipo de follas se lles chama coiráceas (como o coiro). Que vantaxes lles proporciona á pranta este tipo de follas?
PR.4 Achégate cunha lupa a unha MELGA MARIÑA (Medicago marina) para ver como son as súas follas. Ten isto algunha relación coas adaptacións observadas nas outras plantas das dunas?
MELGA MARIÑA (Medicago marina) |
2. VEXETAIS NAS ZONAS INTERMAREAL E INFRALITORAL: AS ALGAS
Existen tres grandes grupos de algas atendendo a súa cor:
1. Algas verdes ou clorofitas.
2. Algas pardas ou feofitas.
3. Algas vermellas ou rodofitas.
PR.5 Que teñen en común a Coralina e a Lithophilum ?
3. ANIMAIS DA ZONA INTERMAREAL
O ecosistema intermareal alberga unha sorprendente biodiversidade. Está formado por distintos hábitats:
Zonas de herba mariña ou pradeiras de SEBAS (Zosteras sp), bancos de mexillóns, zonas de algas de elevado crecemento, pozas intermareais, etc. Podemos atopar máis dun milleiro de especies.
AS PRADEIRAS MARIÑAS DE SEBAS OU SEBAIS
Hai dúas especies de SEBA OU ZOSTERA:
Zostera marina, máis abondosa e grande vive nos fondos lamacentos das enseadas pouco profundas, normalmente está mergullada, pero durante as baixamares das mareas vivas aparece ao descuberto.
Zostera noltii, menos abondosa e de menor tamaño atópase tamén sobre substratos limosos ou lamacentos e areosos quedando ao descuberto nas baixamares das mareas vivas.
As súas raíces forman unha rede que retén as partículas depositadas no fondo, reducindo os fluxos de auga e favorecendo así a SEDIMENTACIÓN e reducindo así a EROSIÓN dos bordos costeiros polos efectos da ondaxe evitando a desaparición de areais, osixenando a auga mediante a fotosíntese. A súa presenza indica a boa saúde do ecosistema.
Estas zonas presentan unha ALTA PRODUCTIVIDADE BIOLÓXICA, nos SEBAIS viven numerosas especies mariñas que utilizan a súa cuberta vexetal como ACUBILLO E CRIADOIRO. Abundan neles os moluscos e crustáceos, peixes e cefalópodos, destacando entre eles os CHOCOS (Sepia officinalis) que fai as súas postas de ovos nas follas das sebas ou o CABALIÑO DE MAR (Hipocampus sp) que adoitan amarrarse coa cola ás sebas.
Na fotografía que tes a continuación aparece un CABALIÑO DE MAR ao que por erro, un CHOCO adosoulle a súa posta, en vez de amarrala nas follas da SEBA.
(A fotografía foi tomada do documental "O mar do fin do mundo" gravado por J. HERNÁNDEZ UCERA)
RESTRA DE OVOS DE CHOCO |
POSTA DE OVOS DO CHOCO ( Sepia officinalis) |
CHOCO NUNHA PRADEIRA DE SEBAS |
SEBA OU ZOSTERA. NON É UN ALGA É UNHA PLANTA . A INFERIOR É UNHA POSIDONIA OCEÁNICA MÁIS PROPIA DO MEDITERRÁNEO. |
AS MAREAS VIVAS
Cos movementos das mareas : a parte máis alta da zona intermareal só quedará cuberta uns poucos días de cada mes, cando se producen as MAREAS VIVAS. A parte máis baixa da zona intermareal só quedará ao descuberto tamén só uns poucos días de cada mes, durante as MAREAS MORTAS.
ACTIVIDADE : AS MAREAS. MAREAS VIVAS E MORTAS
Vai á etiqueta MAREAS que hai neste blog de sendeirismo. Busca información e contesta:
a) Por que se producen as mareas?
b) Cantas mareas hai nun día? Cada canto tempo se producen?
c) Que son mareas vivas ? Cando se producen?
d) Que son mareas mortas? Cando se producen ?
e) Busca no CALENDARIO LUNAR e contesta: En que días do mes de maio vai haber mareas vivas e mareas mortas?
(Podes mandar a resposta por correo electrónico ou podes entregarma nunha folla cos teus datos.)
Nas POZAS LITORAIS illadas na baixamar pérdese auga pola EVAPORACIÓN e como consecuencia aumente a SALINIDADE. As variacións de temperatura fai que tamén varíe a cantidade de osíxeno da auga que queda retida nas pozas.
PR.7 POZA INTERMAREAL |
PR.7 Na ilustración anterior busca e di o nome de dúas algas calcáreas, dous moluscos, 1 cirrípedo e 1 cnidario
Os seres vivos que sexan quen de aturar a estaren expostos ao aire e ao sol son os que se van a instalar na franxa máis elevada da zona intermareal onde a marea apenas exerce a súa influencia
Os animais que podan resistir estar expostos ao aire e o sol só por 1 ou 2 horas vivirán na zona máis baixa que a marea só a deixa ao descuberto por un tempo mínimo.
Entre un e outro extremo, a vida distribúese en FRANXAS OU ZONAS, facilmente apreciables a simple vista, nas que se atoparán as especies en función da súa capacidade para aturar durante máis ou menos tempo a exposición ao aire e ao sol, entre outros factores.
En cada unha destas franxas ou zonas, na dura competencia polo espacio e o alimento acaban por impoñerse aqueles seres vivos que mellor soportan estes factores ambientais. A este fenómeno coñécese polo nome de ZONACIÓN.
Entre a multitude de seres vivos que podemos observar nun paseo polo litoral pódense destacar:
1. ALGAS:
De varios tipos; entre as que destacan a CORBELA (Fucus vesiculosus), XEBRA ou LAVACÁN ( Ulva rigida), o VERDELLO (Enteromorpha intestinalis), CINTAS (Himantalia elongata), ALGAS CORALINAS ou CALCÁREAS como a ALGA INCRUSTANTE (Lithrophillum incrustans) que é moi doado atopala nas pozas, é un alga rodofila (vermella) de tonos rosados, morados ou amarelento da familia das coralinas, ten un aspecto de costra arredondada. Outras da mesma familia das coralinas son : LOMENTARIA ARTICULATA de cor vermella clara, rosácea e ramificada e a CORALINA OFFICINALIS tamén típica das pozas de cor rosa claro ou morado.
VERDELLO (ENTEROMORPHA INTESTINALIS) |
LOMENTARIA ARTICULATA |
LITHOPHILUM LICHENOIDES (Alga tamén calcárea) |
CORBELA |
CODIUM TOMENTOSUM |
LEITUGA DE MAR (Ulva rigida) |
LAMINARIA DIGITATA |
2. ANIMAIS:
Case todos os grupos zoolóxicos teñen representantes nesta zona intermareal o que nos dá unha idea da riqueza faunística desta zona.
2.1. AS ESPONXAS
As máis abondosas son a HYMENIACIDON SANGUÍNEA, O PAN DE GAIVOTA (Halichondria panicea) de cor verdosa e a GRANTIA COMPARESA que é máis pequena e branca.
PAN DE GAIVOTA |
O PAN DE GAIVOTA é unha esponxa calcárea incrustante que vive incrustada en rochas, cunchas e estipes de algas. Soe vivir en simbiose cunha alga, o que lle dá un aspecto verdoso. Presenta diferentes cores: parda, amarelo-laranxa ou verdosa. Ten superficie granulosa- verrugosa.
2.2. CNIDARIOS
O máis coñecido son APEGÓNS ou ESTRUGAS DE MAR (ACTINIAS ou ANÉMONAS) (Actinia sp), que semellan flores cos seus tentáculos urticantes cando están mergulladas, e que resisten moi ben a sequidade agachando os seus tentáculos no interior do corpo cando están expostas ao aire e ao sol durante a baixamar.
Tamén pertencen a este grupo as MEDUSAS, Etc.
APEGÓNS ou ESTRUGA DE MAR (Anemonia viridis) |
2.3. POLIQUETOS
Son as MIÑOCAS MARIÑAS, como a POLYDORA CILIATA e a EULALIA VIRIDIS, ETC. e os VERMES PLANOS ou TURBELARIOS:
Entre eles destacan os CÁGULOS ou VERME ARENÍCOLA (Arenicola marina). Os montonciños de area en forma de cordón que deixa cando se alimenta son característicos na baixamar. O verme é utilizado polos pescadores como cebo. Practica galerías subterráneas en forma de U.
CÁGULO |
Os VERMES INCRUSTANTES (Promatoceros triqueter) que fai habitáculos calcáreos de cor branca sobre obxectos planos ou cunchas, aliméntase por filtración.
OS VERME SEGMENTADO (Spirorbis borealis), é un pequeno verme de 3-4 mm de diámetro que vive en tubos calcáreos espirais dextroxiros (espirais que xiran cara á dereita) de cor branca e lisos cun reborde marcado na zona de fixación. O opérculo é doado de distinguir e consiste nunha placa oblícua calcárea. O verme ten cor verdosa e o seu corpo está formado por entre 21-35 segmentos, de aí o seu nome.
É fácil atopalo sobre algas, cunchas de moluscos, etc.
A SABELARIA (Sabellaria alveolata), que vive entre as rochas moderadamente batidas pola auga onde constrúe grandes masas de area compacta co que defenderse do embate das ondas, segregando un aglutinante para constrruir a cuberta con grans de area, semellando un favo ou panal de abellas. Vive en colonias moi numerosas.
SABELARIA |
COLONIA DE SABELARIAS |
DETALLE DA COLONIA DE SABELARIA |
2.4. OS EQUINODERMOS
As ESTRELAMARES (Marthasteria sp) e os OURIZOS (Paracentrotus lividus), os OURIZOS DE AREA (Echinocardium cordatum), etc
OURIZO DE AREA (Echinocardium cordatun) |
EXOESQUELETO DUN OURIZO DE AREA |
ESTRELA DE CAPITÁN (Asterina gibbosa) |
PR.8 ESTRELAMAR (ASTERIAS RUBENS) |
PR.8 Saberías dicir que son esas manchas rosadas que aparecen sobre a rocha?
2.5. OS MOLUSCOS
Nas rochas e pozas podemos atopar un gran número de LAPAS (Patella sp), CARAMUXOS, BÍGAROS ou MINCHAS (Monodonta sp), Gibbula sp., Littorina sp e MEXILLÓNS ( Mytilus galloprovincialis), ETC.
Outras especies de moluscos interesante son a CORNETA ou CARAMUXO DE CAN (Nucella lapidus) que é un depredador que perfora as cunchas de mexillóns, lapas ou arneiróns empregando a súa lingua (rádula) como unha serra e introducindo logo a súa trompa e zugando os xugos nutrintes das súas preas.
Nas zonas de area e lama atopamos un dos carroñeiros típicos das costas galegas OS CARACOIS do xénero Nassarius que se alimentan de restos de animais mortos.
2.6. NUDIBRANQUIOS
Sobre todo na primavera, cando suben a desovar á beira do mar, podemos atopar a LEBRE DE MAR ou TINTEIRAS (Aplysia punctata) e a DORIS VERRUCOSA.
A LEBRE DE MAR ou TINTEIRA (Aplysia punctata)
É un molusco gasterópodo coa cuncha atrofiada metida dentro do seu lombo, de cor avermellada ou verde oliva-negro, e que amosa puntos ou vetas na súa pel, de aí o seu segundo nome punctata. A súa cor pode variar dependendo da súa alimentación, son vexetarianas. Os exemplares novos prefiren algas vermellas, soen observarse pastando nas follas das algas. As adolescentes son típicas da zona intermareal.
LEBRE DE MAR OU TINTEIRA NOVA |
LEBRE DE MAR OU TINTEIRA |
A DORIS VERRUCOSA
É tamén un molusco gasterópodo de forma ovalada e de cor amarelo marrón que pode chegar aos 3cm
Aliméntase da esponxa Hymeniacedon perlevis ou ESPONXA MIGA DE PAN.
DORIS VERRUCOSA |
DORIS VERRUCOSA |
2.7. CRUSTÁCEOS
Os ARNEIRÓNS (Balanus balanoides) son cirrípedos que viven en colonias de moitos individuos apegados ás rochas; tamén podemos atopar aos cangrexos QUEMACASAS (Pachygrapsus marmorata), aos CAMARÓNS (Palaemon sp) e, na area ou enterradas nela, ás PULGAS MARIÑAS (Talitrus saltator), etc.
QUEIMACASAS |
ARNEIRÓNS |
CAMARÓN (Palaemon serratus) |
A PULGA DE MAR (Talitrus saltator)
É un crustáceo anfípodo (dous tipos de patas, unhas adaptada ao salto) debe o seu segundo nome a que cando se ve en perigo ou se lle molesta dá grandes saltos.
É de pequeno tamaño entre 20-25 mm . Moi abondosa na zona intermareal onde cava galerías na area. A súa alimentación é a base de algas e refugallos orgánicos en descomposición que leva a cabo realizando unha limpeza dos grans de area un por un.
Forma parte da alimentación de moitas especies de peixes e aves.
A femia inxire ás crías para que se alimenten do seu propio corpo.
PULGA MARIÑA |
2.8. PEIXES
É moi doado atopar nas pozas BLENIDOS como o LIPOPHRIS PHOLIS ou GÓBIDOS ou LORCHOS como o GOBIUS PAGANELLUS ou o GOBIUS NIGER.
LORCHO (GOBIUS NIGER) |
LORCHO (Gobius niger ) |
Na primavera, que é a época habitual de reproducción, adoitan quedar atrapados nas pozas crías doutras especies como o MUXO (Chelon labrosus) ou SARGOS ( Diplodus sp).
2.9. AVES
Podemos avistar un gran número de especies: GARZAS REAIS (Ardea cinerea), GARZOTA COMÚN (Eggretta garzetta), ANÁTIDAS como o LAVANCO REAL (Anas platyryncos). CORVO MARIÑO REAL (Phalacrocorax carbo) e unha gran abundancia de LIMÍCOLAS. PICAPEIXES ( Alcedo attis), GAIVOTAS (Larus sp), etc.
Tamén poden ser avistados con certa frecuencia exemplares de ARROAZ ( Tursiops truncatus)
PR.9 Se algunha vez caminaches descalzo polas rochas notarías baixo os pés aos arneiróns. Trátase duns crustáceos que pertencen á familia dos percebes. Cres que este animais soportan ben a sequedade? Por que?
PR.10 A lapa é un molusco do grupo dos caracois, aínda que a súa cuncha non é espiral como a destes. As lapas viven adheridas ás rochas o mesmo que os arneiróns. Cal destes dous animais pode desprazarse?
Se observas con atención o fondo dunha poza poderás ver o rastro dese desprazamento.
PR.11 Caramuxos e mexillóns son moluscos que pertencen a grupos diferentes. Fai unha lista doutros moluscos que coñezas e que pertenzan ao grupo dos caramuxos e ao grupo dos mexillóns.
PR.12 Nesas dúas listas poderás comprobar que aparecen moitos muluscos comestibles. Un dos máis importantes é o mexillón. Explica como é a explotación industrial deste molusco.
O queimacasas é un crústáceo non comestible. Pode vivir dentro ou fóra da auga, sempre que teña húmidas as branquias.
PR.13 Que outros crustáceos comestibles coñeces semellantes a el?
PR.14 O apegón ou actinia é un celentéreo. Coloca con coidado a parte posterior dun lapis ou un pao nos seus tentáculos, sen facerlle dano, que ocorre?
PR.15 O mesmo que as estrugas os apegóns teñen unha substancia irritante e tóxica na pel. Como cres que se alimentan?
PR.16 Compara o aspecto dun apegón pechado e doutro aberto. a)Atópanse nos mesmos sitios?b) Por que? c)Cres que son animais que viven fixos ou que se desprazan?
PR.17 Os ourizos son equinodermos, o memsmo que as actinias ou apegóns viven sobre todo nas pozas e fendas das rochas. Por que? Que función cres que teñen as espiñas do ourizo?
PR.18 A estrelamar é un equinodermo carnívoro. Busca nas pozas algunha que estea a comer e explica como o fai.
INDICIOS
Ás veces non podemos ver a algúns animais, pero si podemos ver indicios que nos indican a súa presenza: excrementos, pegadas, tobas, postas de ovos, restos esqueléticos, etc.
PR.19 A que animal corresponde os restos que se ven nesta ilustración ?
PR.19 |
PR.19 A que animal corresponde os restos que se ven nesta ilustración ?
PR.20 Por exemplo cando atopamos montonciños de area indican a presenza do cágulo (verme arenícola). A que animal terrestre recorda o seu xeito de vida?
Se buscas cunchas, podes atopar algunha que teña enriba restos brancos dos tubos que fabricaron outro tipo de vermes chamados vermes tubícolas.
Se hai funís na area, están a indicarnos a existencia de moluscos bivalvos como croques, ameixas, longueiróns, navallas,etc.
Tamén podes atopar unha construcción feita de area que é moi semellante aos favos (panais) das abellas. Trátase dunha colonia duns vermes chamados Sabellaria.
PR.21 Trata de observar a unha pulga de area. Conta o seu número de patas. a)Trátase dun insecto ou dun crustáceo ? Por que? b) Que significa que a pulga é un anfípodo?
NOS ENLACES QUE TES A CONTINUACIÓN PODES ATOPAR MÁIS INFORMACIÓN PARA ATOPAR A RESPOSTA AS ACTIVIDADES:
PR.22 Saberías dicir o nome galego e científico desta alga?
PR.22 |
PR.23 |
PR.23 a) Cales son os seus nomes? b)Que son? c) Cita características que sexan comúns ás dúas?
PR.24 ALGÚNS HABITANTES DAS NOSAS POZAS |
PR.25 Cita o nome de 2 algas, 2 gaterópodos, 2 moluscos e 2 peixes que habiten nas pozas tamén.
CONTAMINACIÓN E ANIMAIS EN PERIGO
DÍPTICO DE ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) |
ACLARACIÓN SOBRE AS ACTIVIDADES
CADA CINCO ACTIVIDADES SINALADAS CON PR.Nº CONTESTADAS CORRECTAMENTE VALEN 1 PUNTO
A ACTIVIDADE DAS MAREAS CONTA COMO OUTRO PUNTO, E DEBE FACERSE SEPARADAMENTE DAS OUTRAS.
CADA CINCO ACTIVIDADES SINALADAS CON PR.Nº CONTESTADAS CORRECTAMENTE VALEN 1 PUNTO
A ACTIVIDADE DAS MAREAS CONTA COMO OUTRO PUNTO, E DEBE FACERSE SEPARADAMENTE DAS OUTRAS.
No hay comentarios:
Publicar un comentario