martes, 13 de marzo de 2012

A PROCESIONARIA DOS PIÑEIROS


Durante a primavera podemos observar moitos piñeiros despoxados da súa cuberta verde, semisecos e salpicados de grandes copos brancos que semellan ser de algodón.


Estes copos son os niños dunha eiruga coñecida polo nome de procesionaria (Thaumetopoea pityocampa) e é a causante desta defoliación (deixar sen follas ) dos piñeiros.


O seu nome é debido á forma que ten de desprazarse, pois sempre van en ringleiras, marchando unhas tras as outras, en contacto e formando ringleiras ou "procesións" que poden sobrepasar ao centenar de eirugas.


A procesionaria dos piñeiros nace da bolboreta Thaumetopoea pityocampa.



 Esta bolboreta posúe un corpo groso e unha espiritrompa rudimentaria que non lle serve para alimentarse, xa que non come e a única actividade que realiza nos poucos días que ten de vida consiste en atraer ao macho mediante unhas substancias que segrega.
As eirugas están cubertas dun pelo moi urticante que desprenden e dispersan cando son molestadas e que producen irritación na pel e nas mucosas. Tamén poden producir alerxias que en algunhas persoas que son moi sensibles poden chegar a ser moi graves.


As larvas cando saen do ovo tecen un niño entre as agullas (acículas) dos piñeiros que semella unha bolsa branca coma unha tea de araña, e é aí onde permanecen durante o día; estes niños están tecidos por uns filamentos de seda moi fortes e resistentes ao lume. Pola noite abandoan o niño e saen na percura de alimento: as partes máis tenras das acículas e polas ; ao regresaren ao niño para atopar o camiño de volta guíanse por un niño de seda que van deixando no seu camiño.


Pasan o inverno dentro destes niños e ao comezo da primavera, cando xa son adultas, descenden ao chan para soterrarse, cóbrense de seda , pechándose nos seus casulos en forma de crisálida e logo de pasar a metamorfose, ao cabo dun tempo sairán novas bolboretas que volverán a aparearse e a depositar os ovos entre oa agullas dos piñeiros comezando así un novo ciclo.


Pero algunhas non poderán rematar este ciclo, xa que no bosque lles agarda un inimigo, que está ao asexo agardándoas. Trátase dun pequeno cogumelo : o Cordiceps militaris, pequeno, claviforme e de cor laranxa-abermellado que cargados de millóns de esporas xorden do chan.


Debaixo de cada Cordiceps hai sempre o cadáver dunha procesionaria.


O Cordiceps aproveita o momento en que as procesionarias, en primavera, baixan ao chan para amarrarse aos seus pelos urticantes e parasitar ás crisálidas.



No hay comentarios:

Publicar un comentario