viernes, 8 de abril de 2011

RASTROS E PEGADAS DOS ANIMAIS






Para os pobos da prehistroria que vivían da caza era importantísimo coñecer as pegadas, sinais e rastros que deixaban os animais; estes cazadores nómades estaban moi familiarizados con todos estes sinais que os animais deixaban na natureza, deste xeito sabían onde tiñan que poñer as trampas ou onde abondaba un tipo concreto de animal...; coñecendo os hábitos dos animais podían sobrevivir e alimentarse.
Agora, na nosa época non necesitamos coñecer estes sinais para alimentarnos.
As plantas son moito máis doadas de observar que os animais. Os animais resulta máis difícil de observalos, sobre todo cando viaxamos en grupo, como na actividade de sendeirismo, pois, ás veces montamos moito barullo e os animais agáchanse nos seus acubillos ou simplemente fuxen ao noso paso...
Moitos deles son nocturnos ou saen co solpor, outros son tímidos e soen desaparecer ao máis leve ruído.
Pero podemos coñecer a súa presenza no monte ou nas fragas de varios xeitos e sempre sendo bos observadores mediante as pegadas, excrementos, restos que deixan despois de xantar, plumas, ...
Esta observación pode ser un bo entretemento cada vez que saímos a facer un sendeiro ou unha excursión.


CORNO DE ALCE CON ROEDURAS DUN ESQUÍO DE
HAI MÁIS DE 5.000 ANOS.                 
Moitas das pegadas e sinais duran pouco tempo ou desaparecen con rapidez. Outras veces consérvanse durante moitísimos anos : fósiles, raeduras en osos, etc.

A continuación tes un enlace no que podes ver un vídeo da asociación  ANABAM:



Nos dous enlaces que tes a continuación podes ver dous vídeos sobre a bolboreta Charaxes jasius moi interesantes :

A Charaxes jasuis é unha das bolboretas máis grandes de Galicia. Foi descuberta na bisbarra do Baixo Miño en 2005 polo entomólogo Jesús Requejo e polo presidente da asociación ANABAM, Agustín Ferreira, no Baixo Miño só fai postas de ovos nunha zona do Rosal preto do monte Niño do Corvo onde hai unhas árbores en número abondoso que constitúen a súa alimentación.

CHARAXES JASIUS
(Foto de Agustín Ferreira de ANABAM)


ACTIVIDADENº1 : (1 PUNTO) :
Investiga de que árbore se trata e fai unha descripción dela (Fíxate ben pois aparece no vídeo) . Debes explicar tamén por que fases pasa na súa metamorfose, dicindo como se chaman cada unha destas fases. Manda un e-mail ao meu enderezo de correo coa resposta.






OS OBRADOIROS DOS ESQUÍOS E OUTROS ROEDORES

As sementes (conos ou piñas) das coníferas (piñeiros, abetos...) son unha parte importante na dieta de moitos roedores e aves.
Estas piñas forman unha parte moi importante na alimentación do esquío común, pero require un número considerable de piñas para obter un alimento suficiente, pois as sementes (piñóns) son moi pequenas.


ESQUÍO COMENDO NUNHA ÁRBORE


Os esquíos comen, polo xeral, nas árbores, e no chan, baixo estes comedeiros atópande os eixos destes conos desgarrados e as escamas das piñas roídas, é o que se coñece como "obradoiro dos esquíos":


OBRADOIRO DE ESQUÍO
O aspecto externo destas piñas roídas polos esquíos é desfiachado e soen aparecer ao aire libre. Os ratóns de campo teñen unha roedura máis uniforme e os comedeiros soen aparecer  en acubillos ou lugares ocultos.



RATÓN DE CAMPO


ACUBILLO CON AVELÁS DUN RATÓN DE CAMPO
Se queres consultar unha boa páxina con animais e plantas gaalegas pincha no seguinte enlace:FAUNA E FLORA DOS RÍOS GALEGOS .Nesta páxina poderás atopar vídeos sobre moitos dos animais que aparecen nesta páxina, como se alimentan, hábitos, etc.


Cada animal ten un xeito diferente de "traballar" as sementes, como podes ver nas seguintes ilustracións. Fíxate nelas e aprende a apreciar as diferencias de como abren as sementes algunhas aves e roedores.



1,2 E 3.ESQUÍO 4.RATÓN DE CAMPO, 5.PIQUITORTO
6 PETO

7 E 8 Esquio , 9 E10 Ratón de campo, 11.Piquitorto e12.Peto













AS PLUMAS

Na natureza podemos atoparnos con plumas de distintas aves, ás veces é difícil saber de que ave se trata, e é necesario ser un bo ornitólogo e axudarnos dun libro que trate deste tema.
Para que te vaias familiarizando aí tes algunhas plumas que podes atopar nas saídas de sendeirismo ou nas túas excursións : de alavanco real , cerceta, pomba torcaz, avelaiona(cárabo), miñato (ratoneiro), gaivota ridora, peto (pájaro carpinteiro, pega (urraca), gaio azul (arrendajo), merlo, ferreiriño ,...





PLUMAS DE CERCETA E DE ALAVANCO




PLUMAS DE MIÑATO, GAIVOTA E ÁNSAR





PLUMAS DE PETO





PLUMAS DE PEGA, GAIO AZUL, MERLO, FERREIRIÑO,...



No enlace que tes a continuación da Asociacion Naturista do Baixo Miño, ANABAM, podes atopar máis información sobre rastros e pegadas, así como outras interesantes informacións :




AS PEGADAS

As pegadas dos animais obsérvanse mellor cando o chan está cuberto de neve ou húmido, en lama, terra mollada, na area húmida da praia na baixamar.
Cando atopemos unha pegada e non saibamos de que animal se trata podemos facer un debuxo, anotando as dimensións ou facer unha fotografía.
A continuación tes unha serie de pegadas dalgúns animais para que te vaias familiarizando con elas:


OURIZO  CACHO (Erinaceus europaeus)





PEGADA DE LEBRE (Lepus granatensis) :



1.Pódese observar o sinal do pelo que cobre o pé.
2.Pegadas de lebre na neve. Na neve as pegadas aumentan.




Pegada de coello (Oryctolagus cuniculus) na area


Coello bravo (Oryctolagus cuniculus)



Pegadas de esquío : as dianteiras máis grandes que as traseiras



ESQUÍO (Sciurus vulgaris)




PEGADA DE LINCE NA NEVE




PEGADA DE LONTRA (Lutra lutra) NA AREA



LONTRA ( Lutra lutra)



PEGADA DE TEIXUGO (Meles meles)



TEIXUGO (Meles meles)



Raposo ou Golpe (Vulpes vulpes)



Lobo (Canis lupus)




Pegadas das catro patas dun lobo :
as posteriores son as da esquerda,
as anteriores á dereita.                      





A pegada de oso pardo : Pé posterior algo semellante ao pé humano, o anterior é máis pequeno:


Pegada de oso (Ursus arctos)

Pegadas de oso pardo nun banco
areoso dun río                                  



Oso pardo ( Ursus arctos)


Pegada de xabaril (Sus scrofa)



Xabaril (Sus scrofa)



Pegadas dos pés anterior e posterior dun cervo macho



Cervo (Cervus elaphus)



Pegadas de gamo,anterior enriba,
posterior abaixo                               



Gamo (Dama dama)



Pegada de corzo producida por un salto na area.



Corzo (Capreolus capreolus)




Pegadas de ovella doméstica



Pegadas de cabra doméstica.







Donicela (Mustela nivalis)



1. Rato da fraga (Apodemus flavicollis)
2. Rato do campo (Apodemus sylvaticus)



1.Leirón rilón (Myoxus glis)
2.Leirón careto (Eliomys quercinus)
Pegadas de cabalo con e sen ferradura

ACTIVIDADE Nº2:
 Saberías dicir a que animal corresponde a seguinte pegada?



Se coñeces a reposta manda un e-mail ao meu enderezo de correo e obterás 1 PUNTO. Escribe o seu nome en galego e tamén o seu nome científico.




A PROCESIONARIA DOS PIÑEIROS E O SEU INIMIGO O CORDYCEPS MILITARIS

A procesionaria (Thaumetopoea pityocampa) é un lepidóptero abondoso nos bosques de piñeiros, principalmente, pero tamén en bosques de cedros e abetos.

BOLBORETA DA PROCESIONARIA


As bolboretas aparéanse no verán; as femias poñen os ovos nas copas dos piñeiros. Aos 30-40 días nacen as eirugas aló polos meses de setembro e outubro.


EIRUGA DE PROCESIONARIA


Estas eirugas fan o seu niño nos piñeiros onde permanecerán acubilladas durante o inverno. Durante o inverno as eirugas aliméntanse do aume (agullas ou acículas) dos piñeiros producindo a súa defoliación.


NIÑO DE PROCESIONARIA








Entre febreiro e abril as eirugas comezan a baixar ao chan e van formando unha ringleira, "en procesión", de aí o seu nome. Unha vez en terra buscarán un lugar para enterrarse e pasar a fase de crisálida envoltas nun casulo e rematar a sua metamorfose ( Pincha aquí se queres ver a metamorfose dun gusano de seda)







EIRUGAS "EN PROCESIÓN"


En verán as crisálidas fan eclosión saíndo do casulo convertidas de novo en bolboretas,comezando de novo o ciclo da súa metamorfose.

 As procesionarias están cubertas de pelos urticantes que se desprenden e son transportados polo aire, podendo provocar irritacións e intensas reaccións alérxicas cutáneas.

No momento en que as eirugas baixan dos piñeiros as esporas dun pequeno fungo están agardando por elas no chan. Trátase das esporas do Cordyceps militaris un fungo de cor laranxa moi abondoso nos piñeirais e que se aferra aos pelos da eiruga coa que se enterra cando esta se dispón a pasar pola fase de crisálida envolveita no seu casulo e enterrada.

Cordyceps militaris parasitando á procesionaria
 O Cordyceps aliméntase da crisálida de procesionaria ocasionando a súa morte, como podes ver na imaxe anterior.

No hay comentarios:

Publicar un comentario