sábado, 29 de septiembre de 2012

SENDEIRISMO POLA ILLA DE SÁLVORA E A LANZADA. 6 DE OUTUBRO DE 2012




SÁLVORA: LOCALIZACIÓN DA ILLA NO PARQUE NACIONAL MARÍTIMO-TERRESTRE DAS ILLAS ATLANTICAS



VISTA AÉREA DA ILLA DE SÁLVORA












OS DOUS SENDEIROS NA ILLA DE SÁLVORA: UN VAI CARA Á ALDEA E O OUTRO CARA AO FARO









HISTORIA

Non hai datos nin achádegos arqueolóxicos que indiquen  o poboamento desta illa durante a prehistoria. A historia coñecida de Sálvora comeza na Idade Media, cando a illa foi doada por Afonso II, o Casto,  á igrexa de Santiago.

Durante a Baixa Idade Media Sálvora foi utilizada como campamento base contra os ataques invasores dos piratas : normandos, sarracenos, ... O que fixo imposible que na illa houbera  una poboación estable. Cando cesaron os ataques e deu comezo a calma na ría a xente da costa desprazouse ata a illa para aproveitar as súas terras.

A mediados do século XVI, a Igrexa entregoulle a illa, como couto, a Marcos Fandiño Mariño quen administrou a illa (tanto el como os seus  herdeiros) , como se fose unha propiedade feudal ata o principio do seculo XVII : os habitantes da illa tíñanlle que entregar parte das colleitas e do gando ao amo.


PRAIA DO ALMACÉN E PAZO DE GOIÁNS (ANTIGA FÁBRICA DE SALGADURA)

 

Entre os seculos XVII-XVIII, hai un aumento da actividade comercial e pesqueira : instálase na illa unha fábrica de secado e salgadura de peixe, coñecida polo nome de O Almacén. durante os anos 1770-79. Máis tarde, houbo unha pesquería de atún en 1789 á cal lle foi concedido o uso exclusivo da illa e de catro leguas arredor dela, feito que deu pé a duros enfrontamentos cos mariñeiros da zona.

O actual pazo de Goiáns  construíuse sobre sobre a antiga fábrica de salgadura da cal aínda se conservan as ramplas de acceso ao almacén .

Estas empresas fixeron que a xente da costa poboase a illa. As familias agruparonse na Aldea e nalgunhas  casas conviviron varias xeracións. Viviron sen igrexa e sen escola e foron os fareiros os que facían de mestres.



A ALDEA

 
Estas familias cultivaban millo, centeo e patacas e posuían 7 ou 8 vacas, amais de galiñas, ovellas e coellos para o seu propio consumo.















 

Tamén empregaban as dornas para a pesca, da que non tiñan que dar parte ao amo, e que foi a súa fonte principal de ingresos.

En 1820 Isabel de Mariño, herdeira da illa, casou con Ruperto Antonio de Otero, e con eles a saga dos Otero converteuse na nova propietaria de Sálvora.

En 1904 o Estado expropioulle a illa aos Otero por motivos de defensa nacional e mantivo nela unha pequena dotación militar ata 1958. Durante estes anos os habitantes da illa pasaron a ser colonos do Estado e xa non lle tiñan que dar a ninguén parte das súas colleitas nin do seu gando polo que a súa situación económica mellorou e puideron mellorar as casas, facer novas cortes para o gando, mellores embarcacións, etc.

En 1921 vivían na illa 59 persoas, pero só 25 coñeceron o tráxico naufraxio do vapor Santa Isabel que tivo lugar na zona sur, o día 2 de xaneiro, xa que moitos habitantes estaban na costa por mor das festas.Os valentes que quedaban na illa, na súa maioría mulleres, lanzáronse en dornas ao auxilio dos náufragos. En decembro deste mesmo ano inaugurouse o novo faro.


A DORNA: típica embarcación de pesca das Rías Baixas e das illas




VAPOR DA COMPAÑÍA TRASATLÁNTICA "SANTA ISABEL" QUE NAUFRAGOU FRONTE AO FARO NO 1921


Cando o exército se retirou, os antigos propietarios, os Otero, recuperaron a illa, pero os habitantes comezaron a marchar para terra firme onde atopaban mellores condicións de traballo.

Os propietarios da illa introduciron animais para o exercicio da caza, que estragaban as colleitas dos labregos. Os últimos habitantes abandonaron a illa a finais dos anos 70.

Os propietarios instaláronse na antiga factoría de O Almacén que habilitaron como pazo e transformaron a taberna que había preto dela nunha capela. Facían uso da illa como se se tratara dun coto de caza ata que esta actividade foi prohibida pola Administración.


A ALDEA

Está situada no NO da illa, é un poboado que se atopa en  ruínas. As casas son de planta baixa, comparten medianeiras e moitas conservan unha pequena terraza de entrada. Deixan un espacio central ao cal miran todas como patio de uso comunitario.
No interior das casas, a estancia de maior tamaño é a cociña, onde había grandes lareiras e forno. Xunto ás casas estaban as cortes para os animais e dependencias para os aveños (aparellos de labranza).
Na entrada da Aldea hai hórreos de tipo celeiro (pechados na base) construídos en pedra, con tellados de dúas augas e adornados con cruces e pináculos.

A FONTE DE SANTA CATALINA

A uns 100 m antes da Aldea, polo camiño que nos leva ata ela, atópase esta fonte na que podemos ler "Agua virtuosa da salud y fuerza"






O FARO

O primeiro faro construíuse en 1852 en punta Besugueiros, como faro de cuarta orde con luz branca e vermella ata as 10 millas (1 milla = 1.852 m), ao seu carón tiña cuartos para os fareiros e almacén e a torre hexagonal cun pequeno balcón. Ao principio empregaba aceite como combustible, máis adiante emregaba petróleo.





O segundo faro, situado o mesmo lugar, inagurouse tras o naufraxio do Sta. Isabel en 1921 (é de terceira orde). En 1954 levouse a cabo unha última reforma para instalar grupos electróxenos, baterías e almacén. Hoxe en día funciona con placas solares e a atención dos poucos fareiros que quedan en España.

O PEIRAO

Fíxose para darlles servizo ao faro e aos fareiros, na praia do Almacén. Ten bo abrigo e calado.

O PAZO DE GOIÁNS

Foi construído sobre a antiga fábrica de salgadura, ten dúas torres tipo pazo e ten varios escudos heráldicos. Fronte á entrada principal está a capela que era a antiga taberna da illa e un pouco máis ao norte hai un cruceiro con imaxes ben traballadas en pedra.

A SEREA

Na praia do Almacén ergueuse unha escultura de pedra coñecida como a serea dos Mariño
 
A SEREA, obra do escultor burgalés Ismael Ortega no 1968
Cóntase que a serea tivo amores cun cabaleiro romano naufragado na illa e que tivo un neno chamado Mariño, o seu descendente, Otero Goyanes, Marqués de Revilla, mandou facer esta obra na súa memoria.


 

AS FORMAS CAPRICHOSAS DO GRANITO PRODUCIDAS POLA EROSIÓN DA AUGA E DO VENTO



Na illa de Sálvora atopamos a miúdo rochas graníticas, con formas do máis variado, que son resultado da meteorización química (transformación de minerais e formación de cristais de sal) e biolóxica sobre a rocha (presenza de liques e musgo), logo, estas alteracións se ven aumentadas pola forza do vento e pola auga.



PRAIA DE BOLOS ARREDONDADOS POLA FORZA DO MAR AO LONGO DO TEMPO



Cando as rochas adquiren formas arredondadas denomínanse BOLOS, cando se acumula auga da chuvia cargada de sal, da lugar na superficie da rocha ás PÍAS ou "marmitas de xigante"(horizontais).

Os "NIÑOS DE ABELLA ou ALVÉOLOS" , prodúcense nas superficies verticais e cando adquiren un gran tamaño, producindo un burato na rocha pasan a denominarde CACHOLAS ou TAFFONIS. como o que hai na Pedra da Campá das Illas Cíes.



NIÑOS DE ABELLA




CACHOLAS OU TAFFONI








Para ter información sobre a fauna, a flora e os fondos mariños de Sálvora e do Parque Nacional, podes consultar a páxina das Illas Cíes neste mesmo blog. Déixovos a continuación o enlace:















Hai unha coñecida cantiga que di :


CANTIGA

Ai Pepiño, adiós,
ai Pepiño, adiós,
ai Pepiño por Deus non te vaias,
quédate con nós,
quédate con nós,
non te vaias afogar na praia
como nos pasou a nós. ¡Ai Sálvora, ai san Vicente!
¡Ai Sálvora, ai san Vicente!
¡Ai Sálvora, ai san Vicente!
as mozas bonitas, están en Mourente. Ai Pepiño, adiós... ¡Ai Sálvora, ai san Vicente!
¡Ai Sálvora, adiós Mourente!
¡Ai Sálvora, boca da ría!
¡Para boas mozas en Vilagarcía! Ai Pepiño, adiós... ¡Ai Sálvora, vento norteiro!
¡Ai Sálvora, meu compañeiro!
¡Ai Sálvora, vento ventiño!
xa están as rapazas na punta de Aguiño. Ai Pepiño, adiós..























A LANZADA: A NECRÓPOLE, A ERMIDA , FACTORÍA DE SALAZÓN E A TORRE DEFENSIVA








ITSMO DA LANZADA QUE UNE TERRA FIRME COA QUE ERA ILLA DO GROVE(TÓMBOLO). Á ESQUERDA PODEMOS VER A ENSEADA DO BAO ONDE DESEMBOCA O RÍO UMIA, Á DEREITA A PRAIA DA LANZADA.









Como podedes ler no cartel da foto que tes a continuación, A Lanzada estivo poboada dende o século VIII a.de C. e nela houbo un castro, o de Outeiriño de Lapas, un porto comercial, unha factoria de salazón, unha necrópole tardorromana e un castelo ou torre defensiva e a ermida medievais.



























CASTRO DE OUTEIRIÑO DE LAPAS






A torre defensiva, o mesmo que a Torre de San Sadurniño, en Cambados e as Torres do Oeste en Catoira, onde se celebra a romaría viquinga, foron construídas para facer fronte ás incursións normandas, parece ser que cando avistaban embarcacións inimigas facían fogueiras que eran vistas dende as outras torres e dende lugares máis altos e afastados para avisar do perigo, como sucedía nos fachos, como o de Donón que visitamos o curso pasado.

Esta torre foi escenario das loitas entre a raíña dona Urraca e o arcebispo Xelmírez. No século XV, foi danada durante as Revoltas Irmandiñas e no s. XVI foi abandonada definitivamente.



ERMIDA DE  NOSA SEÑORA DA LANZADA

Esta ermida tardorrománica do s. XII. consta dunha soa nave e unha absida semicircular. No seu interior garda a imaxe de Nosa Sra, da Lanzada. Na última semana de agosto celébrase unha romaría adicada a esta Virxe.

A noite do sábado acoden gran número de mulleres a celebrar o coñecido rito de fecundidade que consiste en darse o baño das nove ondas á medianoite e logo facer unha ofrenda á Virxe, para desfacer todo tipo de males de ollo e meigallos e así acabar coa infertilidade.

Exixten outras tradicións e lendas para favorecer a fecundidade como a de poñer ofrendas florais na chamada "cama da Virxe", que é unha rocha que se atopa na rompente da ermida.
Outra lenda falanos da existencia de un túnel que comunicaba esta costa coa illa de Ons.





AS INCURSIÓNS NORMANDAS OU VIQUINGAS


A 1ª incursión normanda, no 844, procedía de Francia e parece ser que debido a unha tempestade as súas naves chegan ata o Farum Brigantium (Torre de Hércules) tratando de saquear esta, daquela, pequena poboación, pero foron rexeitados polos seus poboadores seguindo logo a súa viaxe cara á costa portuguesa.




Ilustración de Pepe Carreiro. Editorial A Nosa Terra


No 858, Galicia volve a ser o obxectivo dos normandos, desembarcaron na ría de Arousa e diríxense cara a Santiago, atraídos polas súas riquezas, alí obrigan aos seus cidadáns a pagarlles tributos, pero logo son derrotados polo exército do conde Don Pedro.

No 951, saquearon moitas das nosas vilas, asasinando, roubando, levando escravos... Como estas incursións eran cada vez máis violentas, Sisnando, bispo de Santiago, fixo construir pola ría de Arousa estas torres defensivas.


Ilustración de Pepe Carreiro. Ed. A Nosa Terra



No 966 chegan a Galicia 100 naves normandas ao mando do rei Gunderedo, chegando a Iria Flavia, preto de Santiago, as tropas do bispo Sisnando sáenlle ao paso e prodúcese un duro combate no que o propio bispo case perde a vida.

Máis tarde asaltan e destrúen a cidade de Tui, esta vez dirixidos por Ulf, ao que alcuman "o galego", pois era costume que os xefes normandos tomaran por sobrenome o das terras conquistadas.

O seguinte bispo Cresconio, sucesor de Sisnando, para pechar o paso na ría de Arousa a posibles invasións normandas manda construir o Castellum Honesti, é dicir, as coñecidadas como Torres do Oeste en Catoira, levando dun lado ao outro da ría unha grosa cadea.


Ilustración de Pepe Carreiro. Ed. A Nosa Terra


AS DEFENSAS DA RÍA DE AROUSA





AS TORRES DO OESTE




O CASTELLUM HONESTI,"AS TORRES DO OESTE" EN CATOIRA , XUNTO A DESEMBOCADURA DO RÍO ULLA.


As torres foron o principal punto defensivo dos bispos de Santiago, cóntase que o bispo Sisnando está soterrado aquí, e que Diego Xelmírez o que logo sería arcebispo de Santiago, naceu neste lugar.

O río Ulla que desemboca en Catoira, onde están situadas estas torres, foi durante a Idade Media a entrada dende o mar ata Iria Flavia (Padrón) onde estaba nun principio a Sé episcopal (onde residía o bispo) que logo se trasladaría a Santiago que se converteu na máis rica cidade do país ao que os
normandos ou viquingos chamaron Jacobsland (Terra de Santiago), e certamente os normandos loitaron en Catoira para chegar a acadar o ouro de Santiago.

O nome do lugar non ten nada que ver coa súa orientación cara a ningún punto cardinal, senón que é unha deformación de Castellum Honesti, que ven a significar "O castelo propiedade de Honestus" que viría sendo o seu propietario.

Procedentes de Escandinavia ou das colonias que tiñan en Normandía(Francia), Irlanda  ou Gran Bretaña, os normandos atacaron as costas galegas entre os séculos IX ao XII, sementando o terror.
No ano 858 fálase dunha sonada invasión que entrou pola ría de Arousa, arrasou Iria Flavia (Padrón) e puxo cerco a Santiago que se salvou pagando tributo.


ANTIGO GRAVADO NORMANDO, EN CATOIRA CONSTRUIRON UNHA EMBARCACIÓN QUE SE ATOPA FONDEADA XUNTO AOS RESTOS DAS TORRES DO OESTE. CADA 1º DOMINGO DE AGOSTO CELÉBRASE EN CATOIRA UNHA ROMARÍA VIQUINGA QUE CONMEMORA ESTES ATAQUES NORMANDOS.


O bispo Sisnando morreu combatendo a unha flota de cen naves fondeadas na ría de Arousa no 968. Santiago tivo que volver a pagar tributo.

No 1015 o rei normando Olaf arrasa a cidade de Tui, que logo se traslada á súa situación actual, e logo peregrina a Santiago.

No 1108 o rei Sigurd botou todo un inverno en Arousa con cen naves e acabou arrasando toda a ría.




TORRE DEFENSIVA DE SAN SADURNIÑO EN CAMBADOS






FOTOS DA EXCURSIÓN



























































 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
















































































































































































































































































































































































































































































































 

No hay comentarios:

Publicar un comentario