martes, 11 de octubre de 2011

SENDEIRO DO RÍO LAGARES : 1ºtramo: Castrelos- Avda de Madrid

SENDEIRISMO PRIMARIA (5º e 6º E.P.) : Xoves 13 de outubro 2011

(Fonte : "O Lagares e a súa depuradora" publicado polo Concello de Vigo)


SENDA DO LAGARES: DE SAMIL Á AVDA DE MADRID


O río Lagares discorre polas terras de Vigo polo Val do Fragoso (O Fragoso era o nome que antigamente se empregaba para chamar a este río) . Segue unha dirección  nordeste-suroeste, atravesando nove parroquias de Vigo: Candeán, Cabral, Lavadores, Sárdoma, Freixeiro, Castrelos, Comesaña, Coruxo e Navia , unindo as terras máis altas do Concello coa costa.
Os seus  afluentes máis importantes atópanse na vertente sur do Val do Fragoso; destacan dous afluentes : o río Eifonso e o río Barxa.
O río garda un abondoso e diverso patrimonio natural, aínda que o seu estado de conservación é desigual en cada parroquia. No curso alto (Candeán e Cabral) consérvase en bo estado, polo xeral. No curso baixo e curso medio está moi deteriorado. A destrucción do bosque de ribeira e os humidais próximos ao río, as modificacións do seu leito, as invasións das marxes do río con construccións e recheos(estadio de Balaídos, etc. ), os vertedoiros incontrolados e os verquidos urbanos e industriais son algunhas das causas deste deterioro e diminuíron a calidade das súas augas e destruíron moitos hábitats naturais.

O BOSQUE RIPARIO, BOSQUE DE RIBEIRA OU BOSQUE GALERÍA

Chámase así ao bosque que se forma nas beiras dos ríos; este bosque está composto por unhas 250 especies vexetais, habendo máis variedade no curso alto (Cabral e Candeán ) e diminuíndo o número de especies nos cursos medio e baixo (Lavadores, Sárdoma, Freixeiro, Castrelos, Comesaña, Navia e Coruxo). Son abondosos neste bosque os Salgueiros, ameneiros, Freixo, ... e aparecendo máis espallados os sanguiños abelairas,bidueiros, carballos, loureiros, sabugueiros... Xunto a estas árbores aparecen plantas gabeadoras como a hedra, o lúpulo e o chuchamel e as abondosas silveiras...
Nos cursos baixo e medio. onde as augas van máis de vagar, aparecen a briza, o agrión e as espadainas, entre outras.
Nos humidais que hai ás beiras do río, como o humidal de Goberna abunda a vexetación adaptada a vivir en augas estancadas e doces: espadainas, lirios amarelos, espigas de auga,...


No seguinte enlace podes ver as especies máis frecuentes nos ríos galegos :


A IMPORTANCIA DO BOSQUE DE RIBEIRA

O bosque de ribeira é quen de vivir sometido ao rexime de enchentes do río, sendo capaz de asentarse en terreos enchoupados durante longos períodos. Esta vexetación cumple funcións moi importantes como :
  1. Suxeitar e estabilizar as marxes dos ríos impedindo a erosión do terreo nas enchentes  do outono e inverno.
  2.  Favorece a sedimentación aumentando a fertilidade dos terreos arrredor do río.
  3.  O bosque de ribeira é un dos ecosistemas máis productivos do mundo e alberga unha maior biodiversidade (variedade de animais e plantas) que outros ecosistemas; serve como área de refuxio e rutas migratorias das aves cara ao interior dos continentes.
  4. Asociados aos ameneiros viven uns microorganismos, os actinomicetos capaces de coller o nitróxeno do aire e fixalo na terra, por iso os ameneiros fertilizan dun xeito natural a terra.
A FAUNA DA RIBEIRA DO LAGARES

Nas ribeiras dos ríos abundan os insectos, os froitos silvestres, a vexetación e a auga, o que fai destes hábitats pequenos oasis para todo tipo de animais, pero especialmente para as aves. Ademais das especies propias dos ecosistemas fluviais (garzas, ánades,...) hai tamén especies propias de hábitats forestais, que buscan aquí acubillo e alimento cando este escasea no seu propio hábitat.
Paseando polo sendeiro do Lagares podemos observas as asustadizas galiñas de río, parellas de alavancos na percura, sempre, de comida ...
Os mazaricos ( que aniñan na tundra do Ártico) podemos velos de xullo a outubro.
De outono a primavera podemos ver aves migratorias como as garzas reais, garcetas, bilurico bailón, e mesmo, cun pouco de sorte poderemos ver ao picapeixe coa súas cores iridiscentes e chamativas.
Buscando sementes, gromos e insectos veremos ás lavandeiras, ferreiriños, paporrubio, etc.
A pouca calidade das augas fai que escaseen especies de vertebrados e invertebrados como a troita, que de novembro a decembro buscan o curso alto do río, onde as augas son limpas, fría e máis osixenadas para depositar os ovos sobre os fondos pedregosos.No curso baixo moi comtaminado abundan os muxos que suben dende o mar buscando augas ricas en restos orgánicos.
As charcas e humidais  de augas limpas que se forman a carón do río son un bo lugar para os anfibios:
a ra verde , o canto dos machos é moi potente e doado de escoitar, sendo moito máis ruidoso na época de celo (recoñecible pola liña dorsal verde), a ra de san Antón (diminuta e que canta subida as follas das árbores), o sapo común, o sapo pinto ( semellante a unha ra polas patas longas e a pel lisa). O sapo pinto é un dos poucos capaces de vivir en augas salgadas ou contaminadas...
Tamén nas charcas abundan os pintafontes común e pintafontes verde que durante as épocas de reproducción , os machos presentan cristas e cores chamativas para atraer ás femias.

AS AVES DA XUNQUEIRA

Nos humidais costeiros como son as marismas, xunqueiras... existe unha biodiversidade faunística enorme. A gran productividade biolóxica destas zonas fai que nela  se acubillen gran cantidade de vertebrados e invertebrados, que serven de alimento a outros animais, entre eles as aves.
De todas as especies de aves que se poden observar no Lagares, unhas son residentes, pasan aquí todo o ano. Outras son estivais, crían aquí, pero pasan o inverno en África. Outras son invernantes e pasan o inverno aquí, mentres que un grupo delas , as de paso, só as poderemos observar en dúas épocas do ano, cando viaxan cara aos países de invernada e cría.
Estas últimas son as grandes migradoras. Por iso ao longo do ano non observaremos sempre as mesmas aves na Xunqueira, senón que varían segundo a estación do ano.
As aves mariñas son as máis numerosas na Xunqueira destacando pola súa abundancia a gaivota chorona, a gaivota común e a gaivota escura que están presentes ao longo de todo o ano.
Podemos ver tamén corvos mariños cristados e real mergullándose nas augas ou secando as ás ao sol, ou buscando peixes, moluscos, cangrexos...
As zancudas son grandes aves de patas e peteriros longos que cando voan despregan unhas ás longas e anchas. A máis doada de observar e a garza real. Outra zancuda de menor tamaño e de plumaxe branca é a garceta ou garza branca. As dúas son invernantes que capturan peixes nas augas quedas co seu afiado peteiro.
O grupo máis importante de aves que dependen directamente da marisma son as limícolas das que podemos ollar ata 25 especies diferentes: o bilurico das rochas ( todo o ano), e de xeito ocasional os pilros, mazaricos, becacinas ( de paso)
Entre as aves que se agochan entre a densa vexetación da marisma, podemos ollar, se temos paciencia, a carriza dos xuncos, a folosa das canaveiras e a pica costeira.

 No  enlace que tes enriba sobre Fauna e vexetación nos ríos galegos poder ver moitas destas aves
POR QUE EMIGRAN AS AVES?

Cando as fontes de alimentos escasean, as condicións climáticas empeoran e a busqueda de alimento vólvese máis difícil ao diminuir o número de horas de luz, moitas aves emprenden unha viaxe a outras zonas de clima máis temperado onde a comida é abondosa.Por exemplo o mazarico rabinegro viaxa dende Islandia ata a costa centro-oriental de África, onde pasa o inverno.
Antes de comezar a emigración, as aves acumulan reservas enerxéticas en forma de graxa. Nalgunhas limícolas esta reserva de graxa supón o 50% do peso corporal.
Centos de milleiros de aves limícolas viaxan dende o norte de Europa ata África dúas veces ao ano.
Percorrer estas enormes distancias ten os seus perigos pois deben superar montañas, desertos, océanos e soportar duras condicións... Por iso son tan importantes as zonas de descanso como a Xunqueira do Lagares.

FOTOS DO SENDEIRO


Comezo do sendeiro no parque de Castrelos












PONTE DE SÁRDOMA












PONTE MEDIEVAL (SÁRDOMA)
















ALAVANCOS REAIS




















ACIVRO












O LAGARES É UN BO LUGAR PARA OLLAR AVES




...E PARAMOS PARA MERENDAR. MONTE DA SERRA AO FONDO...

































CHEGANDO A AVDA. DE MADRID












...E POR FIN CHEGAMOS AO PARQUE DE CASTRELOS ONDE COMEZÁRAMOS ...




No hay comentarios:

Publicar un comentario